Català | Castellano | English | Français | Deutsch | Italiano | Galego | Esperanto
En aquest lloc «web» trobareu propostes per fer front a problemes econòmics que esdevenen en tots els estats del món: manca d'informació sobre el mercat, suborns, corrupció, misèria, carències pressupostàries, abús de poder, etc.
Fronte | Quen somos? | Contacto ed e-mail | Blog

• Publicacións:

Pequena historia da moeda.
Agustí Chalaux de Subirà, Brauli Tamarit Tamarit.

O Capitalismo Comunitario.
Agustí Chalaux de Subirà.

Un instrumento para construír a paz.
Agustí Chalaux de Subirà.

• Publicacións do Centro noutros idiomas:

Ensaio sobre moeda, mercado e sociedade.
Magdalena Grau Figueras, Agustí Chalaux de Subirà.
(Castellano). (Català). (English).

El poder del diner (O poder do diñeiro).O poder do diñeiro.
Martí Olivella.
(Castellano). (Català). (English). (Italiano).



Documentos multimedia.

Documental A moeda telemática, un instrumento para a paz.
(Castellano). (Català). (English). (Italiano).

Peter Rosset: «Todo país pode alimentar á súa xente».

La Vanguardia. Logotipo.La Vangardia. Sábado, 16 de Abril do 2005. A Contra. Páxina 76..

Peter Rosset.
Experto en alimentación e agricultura mundial.

Peter Rosset. Foto: Inma Sáinz de Baranda.
Peter Rosset. Foto: Inma Sáinz de Baranda.

Teño 49 anos. Nacín en Nova York e vivo en Oaxaca, onde dirixo o Centro de Estudos para o Cambio no Campo Mexicano. Son doutor en Agroecoloxía. Non vexo ningún partido político con propostas para saír dos problemas máis graves e, en cambio, si á sociedade civil. Son agnóstico. Publico Doce mitos sobre el hambre (Doce mitos sobre a fame, Icaria).

Ima Sanchís.

Para saír do problema da fame no mundo hai que cambiar o actual sistema alimentario.

Falla na base?

Si, e o atranco principal son unha serie de falsos mitos que nos confunden sobre as verdadeiras causas da fame.

Hai que empezar por dicir a verdade?

Así é. O primeiro mito é que non hai suficiente comida no mundo para alimentarnos a todos, e a realidade é que producimos o dobre do que necesitamos.

O problema é a distribución?

Si, e o principal problema dos agricultores do mundo é a sobreprodución: o gran excedente fai baixar os prezos.

Segundo mito…

A natureza é a causa da fame. Por exemplo, cando se dá unha seca en África, e xa que logo, unha época de fame, a xente pensa que esa é causa maior.

E non?

Non. Países que padeceron unha fame negra non deixaron de producir e exportar a Europa e EE.UU., o que significa que unha parte do país ten unha colleita abundante que a zona afectada non pode comprar. Polo tanto, trátase dun problema de organización social.

Terceiro mito…

Demasiadas bocas para alimentar. En Europa e EE.UU. houbo un longo período cun crecemento de poboación moi lixeiro. Coa revolución industrial deuse unha gran explosión demográfica que acabou por nivelarse. Pensábase que os países do Sur non seguirían o mesmo patrón, senón que crecerían exponencialmente. Pero todos os continentes do Sur están a nivelarse.

Cuarto mito: alimentos contra medio ambiente.

Crese que se queremos alimentar aos famentos imos ter que aceptar tecnoloxías de produción que son nocivas para o medio ambiente. Vendéronnos o conto de que os praguicidas son necesarios para producir máis. En EE.UU. aplícanse 10 veces máis agrotóxicos que hai 40 anos e estamos a perder o dobre da colleita porque as pragas volvéronse inmunes aos produtos, e os seus controis naturais, outros animais que se comían os insectos, elimináronse.

Os transxénicos van polo mesmo camiño?

Si. Din que grazas a eles aumentará a produción. Os transxénicos incorporan o insecticida dentro da planta, estamos a repetir o mesmo sistema dos praguicidas.

Quinto mito…

O milagre da revolución verde, baseado en monocultivo, pesticidas, fertilizantes químicos e variedades híbridas de sementes, que se exportou ao Terceiro Mundo para que aumentase a súa produción e acabar coa fame.

Din que o problema é que esa revolución verde non chegou a África.

Iso din, pero fixémonos no acontecido en América Latina e en Asia. Certamente incrementouse a produción, pero tamén a fame. Só os agricultores con diñeiro puideron comprar as sementes alteradas e os fertilizantes. Os pequenos agricultores foron desprazados e engrosaron a estatísticas da fame e, a longo prazo, o sistema degradou a capacidade produtiva dos chans polo uso intensivo de agroquímicos.

Sexto mito: as grandes leiras son máis produtivas que as pequenas.

A resposta de novo é todo o contrario: a evidencia demostra que en todos os países, Norte e Sur, as leiras máis pequenas producen por hectárea entre dúas e dez veces máis que as leiras grandes. O gran produtor produce monocultivo desaproveitando o chan. Os pequenos campesiños cultivan produtos de semente combinándoos con árbores froiteiras, porcos, galiñas, unha vaca…

O libre mercado erradicará a fame?

Se un deixa a alimentación en mans do mercado, os únicos que comen ben son os que teñen diñeiro. No mapa mundial de fluxo de alimentos, o movemento dáse dos países con máis  fame cara aos países con máis poder adquisitivo. E levamos máis de 40 anos vendo como os prezos agrícolas teñen unha tendencia negativa. Só cando os gobernos interveñen nos mercados de produtos agrícolas, pódese asegurar que hai un prezo de sustento mínimo para o agricultor e alimentos accesibles para todos.

O mercado tende ao monopolio?

Está máis que demostrado que se non se aplican as leis antimonopolio, o prezo que reciben os produtores baixa e o que pagan os consumidores sobe. O único que aumentou é a ganancia das, cada vez máis grandes, empresas intermediarias.

Que desastre, estamos a facelo fatal!

Outro mito é aquel que reza que os países ricos beneficiámonos da fame dos pobres. Hoxe, as fábricas sitúanse en países do Terceiro Mundo empobrecendo a todos.

Póñame un exemplo.

O tratado de Libre Comercio favoreceu que se pechase unha serie de fábricas en EE.UU. E se instalasen en México, onde se crearon 300.000 postos de traballo. O mercado mexicano foi invadido por produtos baratos e grandes superficies de orixe estadounidense, de maneira que quebraron multitude de pequenos comercios e perdéronse un millón e medio de postos de traballo. O resultado final é 1.200.000 postos de traballo perdidos en México e 300.000 en EE.UU.

Que propón?

A soberanía alimentaria. Sabemos que a produción a escala máis pequena é máis eficiente. Cada país e todos os países do mundo, teñen suficiente terra e auga para iso debe cultivar os produtos básicos para alimentar a súa poboación.

«Doce mitos sobre el hambre» («Doce mitos sobre a fame»).Vale a pena.

Rosset, no seu libro Doce mitos sobre el hambre (Doce mitos sobre a fame) ten a calidade de facerche sentir intelixente, porque converte en simples e claros conceptos complexos. A súa análise sobre as políticas que impiden que a xente poida alimentarse en todo o mundo evidencia a necesidade dun cambio.

Empeza por desmontar falsas crenzas; a primeira, que non hai comida para todos: «A principal causa de mortes e enfermidades é a fame; o remedio é a alimentación; o remedio existe». Non hai ningún país neste mundo que sexa un caso desesperado. Mesmo aqueles que cremos enormemente superpoboados teñen os recursos necesarios para que a súa poboación poida liberarse por si mesma da fame... De que se trata, entón? Paga a pena averigualo.

Tradución ao galego: Elisa Borrazás.

Home | Publicacións | Contacto ed e-mail